12:14 h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

PROXECTO CARCERE, PROPOSTA CIDADAN PARA O CARCERE

A veciñanza pide entrar no cárcere da Coruña

A Coruña, a 10 de Xaneiro de 2017

Reunion Proxecto Carcere

Foto Erik Dobaño

O Proxecto Cárcere presentará en breve un plan para o uso público do antigo cárcere provincial que esta semana será cedido polo Ministerio de Interior ao Concello da Coruña. Os colectivos que aspiran a xestionar o edificio reuníronse onte en Monte Alto para redactar a proposta cidadá.

informacioncolaborativa.opennemas.com  |  10 de Enero de 2017 (00:00 h.)
Más acciones:

A Coruña, a 10 de Xaneiro de 2017

Reunion Proxecto Carcere

Foto Erik Dobaño

Veciñanza e colectivos sociais da Coruña pretenden asumir “unha parte ou toda” a xestión do edificio do antigo cárcere provincial que esta semana será cedido ao Concello mediante a sinatura dun acordo co Ministerio do Interior español. O edificio deberá ser obxecto dunha rehabilitación para adecualo para futuros usos que inda están por decidir. As asociacións memorialísticas que participan da plataforma Proxecto Cárcere –a CRMH (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña) e a ARMH (Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica)- aconsellan non converter o equipamento “nun simple museo memorialístico” e apostan por unha “resignificación” do espazo que contribúa a pedagoxía cidadá “a favor da promoción da verdade e a memoria con función educativa e preventiva”, na liña das recomendacións das Nacións Unidas de 2014. Tamén nesta liña, e para promover a participación das vítimas e os seus familiares no proceso de recuperación do espazo, propoñen que a futura Oficina de Atención as Vítimas da represión franquista, que veñen reclamando ante o Concello, se instale no antigo cárcere.


Pero os impulsores do Proxecto Cárcere pretenden que a recuperación do edificio apele tamén ao conxunto da veciñanza. Por iso abriron a súa asemblea e a elaboración do plan que se presentará ao Concello a colectivos e veciños. Están presentes varias asociacións culturais, unha cooperativa de consumo, a radio comunitaria CUAC FM, a asociación para a saúde sexual, a Rede de Dereitos Sociais, Adega, colectivos de música tradicional e popular, e mesmo una asociación de skate que propón instalar unha pequena plataforma para os patinadores. Tamén figuran cargos políticos e activistas sociais a título individual.


Despois de seis anos de traballo de documentación e promoción do edificio para evitar que fora derrubado, como aconteceu no caso de Carabanchel, ou convertido nun equipamento máis, o Proxecto Cárcere manifestou onte na asemblea no Centro Cívico de Monte Alto a súa intención de “disolverse” na estrutura veciñal que se cree para asumir a xestión. Apuntáronse distintas posibilidades sobre a forma xurídica desa estrutura, inspiradas no comunitarismo, mais continuará sendo por agora o Proxecto, como asociación cultural, o que medie ante o Concello. Hai, segundo se apuntou, un compromiso “verbal” por parte da institución municipal de que se cederá a xestión á veciñanza, e acordouse que o día 22 deste mes quedará rematado o plan que se presentará ao Concello.


“Queremos traballar colectivamente, pero non sabemos, e este proceso é unha oportunidade para aprender a medida que se desenvolve”, explicou onte unha das coordinadoras do Proxecto, despois de dúas quendas de reunións, case oito horas, nas que se falou ademais de modelos de financiamento a partir da economía social, métodos de participación social, como incluír á xente do barrio, por exemplo, e tamén do máis urxente, por onde empezar a rehabilitar o cárcere. A veciñanza pide entrar no cárcere, e facelo xa, inmediatamente despois de que o domingo se asine a cesión a un Concello que falou de “liberalo” espazo para uso cidadán.

 

Erik Dobaño (ICRedactor)

Periodista